Comezan as festas de Coirós cun cartel musical moi variado: unha orquestra-espectáculo das grandes, unha boa orquestra de baile e outras dúas formacións de afeccionados, das cales unha toca en directo e a outra fai un espectáculo con playback imitando a unha orquestra carismática.
TUMBALOBOS ORQUESTRA é a primeira formación que subirá ao palco en Coirós. Os compoñentes de TUMBALOBOS son afeccionados que crearon a agrupación para se divertiren pero non son profesionais nin viven da música, aínda que véndoos poida parecelo. A idea de formar TUMBALOBOS naceu por parte dun grupo de coñecidos para pasalo ben coa música e darlle un aire diferente ao concepto de orquestra no noso país. Nesta formación prima a orquestra «desde Galicia e para Galicia», e, por suposto, en galego, como unha canle máis de normalización da nosa lingua.
TUMBALOBOS amenizará a gran churrascada do comezo das festas.
A continuación a orquestra PARÍS DE NOIA, unha das máis seguidas por Galicia e fóra dela poñerá a música e o espectáculo ata altas horas da madrugada. A xira 2009 de PARÍS DE NOIA está gustando moito alá onde tocan e mesmo se fala do «rexurdir» da orquestra aos seus mellores tempos.
O sábado tócalle á orquestra coruñesa VERSALLES. Esta formación cambiou a tres dos catro compoñentes da dianteira, entre os cales se atopa Calú Méndez (ex CINEMA). VERSALLES continúa co seu estilo moi característico onde prima o merengue, as cumbias e todo o son latino que desprende desde os seus inicios.
E para rematar o domingo, o espectáculo doutros afeccionados, pero a diferenza con respecto de TUMBALOBOS está en que aquí non hai música «de verdade». O espectáculo de PARÍS DE OZA, que así se chama a formación, consiste en emular a PARÍS verdadeira, a noiesa, con playbacks. Nin voces nin música son en directo nesta formación, pero sen enganar a ninguén, posto que é o primeiro que din os seus compoñentes, onde se inclúe mesmo o crego da vila.
O concepto PARÍS DE OZA naceu por parte duns cantos veciños de Oza dos Ríos para pasalo ben e levar a música a aqueles lugares nos que non había moitos cartos para poder pagar unha orquestra «de verdade».
E así, con este cartel tan variado e curioso discorrerán as festas de Coirós, que teñen como primeiro acto pregón de Isabel Risco, a primeira pregoeira de Coirós… e esperamos que non a última.
Nota da organización das festas co programa completo:
ISABEL RISCO E TOMBALOBOS ORQUESTRA POÑEN A NOTA AUTÉNTICA NAS FESTAS DE COIRÓS
O Venres 31 de xullo, a partir das 21:00 haberá churrascada (10 euros) no campo da festa de Coirós amenizada pola Tombalobos Orquestra. Arredor das 12 da noite Isabel Risco, lerá o pregón, sendo ésta a primeira vez que haberá pregoeira. Continuará unha verbena ata que o corpo aguante coa orquesta París de Noia.
O sábado Alborada a cargo do grupo de gaitas da Escola de San Pantaleón das Viñas. Sesión Vermú e verbena nocturna amenizada pola orquestra Versalles.
O domingo a misa cantada coa participación do Coro de Coirós, sesión vermú na que se realizará o sorteo dunha tv SAMSUNG LCD 22″. Tanto na vermú coma na verbena nocturna actuará o grupo París de Oza do concello veciño de Oza dos Ríos.
Agardamos contar coa vosa participación.













