Éche unha desgraza, pero Phil Lynnot xa non está entre nós dende hai moitos anos (24 para ser exactos). Trátase doutro deses caídos que deben estar no ceo dos rockeiros. O baixista era o cerebro desta banda, que aportou temas inesquecibles. Este “Are you ready?” é directo e potente, unha descarga de rock en toda regra.
Neste vídeo de tres minutos aparecen todos os puntos acadados por Kobe Bryant a noite na que anotou 81 fronte a Toronto. Esa xornada a canastra semellaba unha piscina para o escolta dos Lakers, tal como se di no mundo do baloncesto cando un xogador non para de enchufar unha e outra vez. Vemos como case todos os puntos parten de accións persoais con ese 1×1 no que Bryant é tan difícil de parar.
Andrew Ainsworth foi o creador dos uniformes das tropas de asalto do Imperio en “La Guerra de las Galaxias”. Este deseñador vende réplicas desa vestimenta e iso provocou a demanda de George Lucas, quen considera que os deseños só poden ser comercializados por el ao estar incluídos no seu filme. Un tribunal de apelación en Londres vén de dar a razón a Ainsworth. O conflito legal comezou no ano 2004 pero en marzo do ano pasado, Lucas volveu realizar unha demanda por empregarse os moldes orixinais dos traxes e os cascos. O cineasta reclamáballe ao redor duns 11 millóns de euros. En 2005 un tribunal estadounidense prohibiu a Ainsworth vender as súas armaduras en Estados Unidos, mais en Inglaterra a lexislación semella amparar ao deseñador. “Esta sentenza supón un grave quebranto na protección dos dereitos de copyright que prexudica non só a Star Wars, senón que pon en perigo a outros éxitos cinematográficos, desde Harry Potter até Dr. Who”, sinalou un voceiro de Lucasfilm en declaracións ao xornal británico Daily Telegraph.
Tachar como perigosa a unha formación que ten a Eric Clapton como guitarrista semella unha herexía, pero é que esta banda formada por Lennon e Yoko Ono en 1969 tiña dúas facianas ben diferenciadas. Eu escoitei un disco no que na primeira cara atopabas boa música, mais na segunda…aparecía Yoko Ono a realizar gorgoriños varios no medio dunha música experimental e era absolutamente INATURABLE. Coño, Lennon, o amor fáiche xordo ou non hai quen o entenda. A Plastic Ono Band retorna (co temor ao que poida facer Yoko,ufff!!) e realiza un par de concertos en Estados Unidos. O baixista será Klaus Voormann, aparecerá Sean Lennon e convidados como Paul Simon, Thurston Moore e Martha Wainwright. Todo irá ben mentres non deixen coller moito o micro a Yoko Ono.
O tribunal de Nanterre decidirá o próximo 4 de febrero se paraliza unha película que conta a vida do terrorista “Carlos”, quen era o eixe narrativo daquel filme titulado “Chacal”. A avogada, que é a esposa de “Carlos”, solicitou ao tribunal que se lle conceda ao seu cliente o dereito a ollar a cinta para poder engadir precisións ou rectificacións, xa que considera que os autores manipulan a súa imaxe. O traballo está dirixido por Olivier Assayas e verase na televisión en tres capítulos de noventa minutos, nos que se dá conta dalgúns atentados atribuídos ao terrorista. O actor venezolano Edgar Ramírez (na imaxe) encarna a Ilich Ramírez Sánchez, alcumado “Carlos”.
O mundo sofreu en 2009 unha nova erosión das liberdades civís e políticas, segundo un informe publicado polo centro Freedom House, radicado en Estados Unidos. Foi o cuarto ano consecutivo no que rexistran “deterioros globais” nesta materia, o que constitúe o “periodo máis longo de declive das liberdades globais nos case 40 anos que a Freedom House realiza o seu informe anual”, salientou o instituto. “En 2009 vimos unha alarmante erosión dalgunhas das liberdades máis fundamentais, como a liberdade de expresión e asociación, así como un incremento dos ataques contra activistas nestas áreas”, subliñou Jennifer Windsor, directora executiva de Freedom House. O centro distingue entre tres categorías: Países “libres”, cunha democracia aberta, “parcialmente libres”, nos que hai un “respecto limitado aos dereitos políticos e liberdades civís” e “non libres”, onde os “dereitos políticos básicos están ausentes e as liberdades civís básicas son negadas ampla e sistematicamente”. O informe alerta sobre o feito de aumentar a 47 o número de países “non libres”, o que implica o 24 por cento do total de nacións.
Unha produtora india chegou a un acordo coa familia de Charles Chaplin para rodar en 3D diversas cintas protagonizadas por Charlot. DQ Entertainment é a responsable deste proxecto de cine de animación, que ten un orzamento de oito millóns de euros. Farán novas versións duns 70 sketches do popular personaxe, e para respectar o espírito do orixinal as pezas serán mudas.
Un estudo amosou que o 29,1% das mulleres británicas pensan que se voltasen a “entrar” nuns vellos pantalóns vaqueiros sentirían máis pracer que tendo sexo. Nesa sondaxe, organizada por unha marca de cereais, as máis de dúas mil entrevistadas foron incitadas a realizar unha comparanza entre a perda de peso e outros acontecementos felices da súa vida. O 28,9% pensan que poder vestir eses vellos jeans é mellor que ter un ascenso laboral e 11,1% dixeron que sería mellor que ser pedida en casamento. A maioría das entrevistadas confesou que aínda garda no fondo do armario un vaqueiro vello que soña con volver poñerse.
A HBO bota a casa pola fiestra e emprega 35 millóns de euros na elaboración do capítulo piloto de “Boardwalk Empire”, contando coa dirección de Martin Scorsese. Terence Winter, produtor e guionista de “Los Soprano”, é o cerebro deste proxecto, que conta a historia da creación de Atlantic City nos anos 20, en plena Lei Seca, unha cidade na que existían gangsters a moreas. Comandando aos delincuentes atopamos ao personaxe encarnado por Steve Buscemi, un home que chegou a ser coñecido como o rei de Atlantic City. Michael Pitt, Michael Shannon e Kelly MacDonald tamén forman parte do reparto. Scorsese só dirixirá o piloto e logo exercerá de produtor executivo e consultor creativo. “Boardwalk Empire” estrearase o vindeiro outono.
En Chile inauguran un museo da memoria que lembra ás vítimas de abusos cometidos durante réximes militares em diversos países, por certo deixando fóra a Brasil porque aínda non teñen constituída unha Comisión da Verdade que investigue os anos máis escuros da nación. As vítimas de Pinochet terán un lugar especial e chama a atención que nas recentes eleccións múltiples seareiros do ditador alzaran as súas copas e brindarán polo triunfo de Piñera, un home que tiña dentro do seu equipo a simpatizantes da ditadura. Semella imporse nas urnas o modelo Berlusconi de multimillonario populista, pero detrás deles aniña o xerme do fascismo e convén non esquecelo nunca. Por iso son tan necesarios museos da memoria.