Ti es unha Rosa Díez, no sentido máis pexorativo do termo

Non penso poñer a túa foto porque me produces noxo.

E esta tipa (poño mellor fulana?) estaba antes no PSOE, pero xa sabemos que detrás desas siglas agocháronse máis dun e dous fascistas.

Ti, claro, es bilingüe, cunha lingua dis parvadas e con outra lambes cús para poder medrar en política.

Non me fagas caso, muller, que son “gallego”.

A nova obra de Stan Lee converterase en serie de televisión

Stan Lee, creador dunha manchea de superheroes, está a preparar un novo cómic que se converterá en serie de televisión. A obra levará por título “Super Seven” e narra as aventuras de sete extraterrestres que quedan atrapados na Terra despois de ter un accidente na súa nave espacial. Deberán adaptarse aos nosos costumes e coñecerán ao propio Stan Lee, quen os axudará a aclimatarse e comentaralles como poden chegar a ser uns superheroes.

Un oso que camiña como unha persoa

Disque estas imaxes están tomadas nun bosque de Ontario. Este oso só ten tres patas e resulta complicado camiñar sen unha delas, así que o máis cómodo é erguerse e empregar só dúas para andar polo bosque con toda a tranquilidade do mundo e amosando que, ás veces, non nos separan tantas cousas dos animais.

Unha fermosa canción de Mindy Smith

Este tema, titulado Out Loud, acompañoume en momentos nos que devecía por que acontecese unha cousa… que non sucedeu. É dun disco do 2006 de Mindy Smith que non estaba á altura deste marabilloso tema, que abría o cedé de xeito espectacular.

¡¡Milagre!! O Vaticano rockanrolea

O xornal L’Osservatore Romano é a canle que emprega o Vaticano para dar a coñecer as súas opinións sobre temas que atinxen á sociedade. Nas súas páxinas vén de publicar a lista elaborada respecto aos mellores álbumes rock e pop de todos os tempos. Estes son os dez mandamentos musicais que emanan do estado relixioso.

-Michael Jackson, “Thriller”

- Pinky Floyd “The Dark Side of the Moon”.

- Beatles “Revolver“.

- Paul Simon “Graceland”

- Santana “Supernatural”,

- David Crosby  “If I Could Only Remember my Name

- Fleetwood Mac  “Rumours”

-  Donald Fagen  “Nigrhfly”

-  U2  “Achtung Baby”,

- Oasis  “(What’s The Story) Morning Glory”.

Unha canastra imposible que Monta Ellis meteu

Ao xogador dos Warriors non lle importou o desprazamento que lle fixo o seu defensor e dende un lugar inverosímil foi quen de acadar a canastra e xerar un 2+1 para a súa escuadra.

Trailer “escaldante” do filme de Médem

Habemus polémica. Julio Médem non entende como alguén pode facer este trailer da súa película e centralo todo no sexo, afastando a parte romántica deste encontro de dúas mulleres en Roma. Trátase dunha versión da interesante cinta chilena “En la cama”, de Matías Bize, que gañara a Espiga de Ouro no Festival de Valladolid. Ao cineasta vasco non lle fixo graza ningunha este tratamento, mais como indica a recomendable web noticine.com, isto non é obra de ningún pirata e todo leva á conclusión de que é o trailer realizado pola distribuidora internacional da cinta, que decidiu apostar abertamente polas belas anatomías femininas para vender o filme. Veremos que tal está porque a última de Médem, creador da notable “Los amantes del círculo polar”, é moi mala e cando se meteu en fonduras sexuais (lembremos a Lucía/Paz Vega) tampouco é que ofrecera nada bon.

Thin Lizzy, sempre na memoria

Éche unha desgraza, pero Phil Lynnot xa non está entre nós dende hai moitos anos (24 para ser exactos). Trátase doutro deses caídos que deben estar no ceo dos rockeiros. O baixista era o cerebro desta banda, que aportou temas inesquecibles. Este “Are you ready?” é directo e potente, unha descarga de rock en toda regra.

Lembremos os 81 puntos de Kobe

Neste vídeo de tres minutos aparecen todos os puntos acadados por Kobe Bryant a noite na que anotou 81 fronte a Toronto. Esa xornada a canastra semellaba unha piscina para o escolta dos Lakers, tal como se di no mundo do baloncesto cando un xogador non para de enchufar unha e outra vez. Vemos como case todos os puntos parten de accións persoais con ese 1×1 no que Bryant é tan difícil de parar.

Liorta polos uniformes dos soldados imperiais

Andrew Ainsworth foi o creador dos uniformes das tropas de asalto do Imperio en “La Guerra de las Galaxias”. Este deseñador vende réplicas desa vestimenta e iso provocou a demanda de George Lucas, quen considera que os deseños só poden ser comercializados por el ao estar incluídos no seu filme. Un tribunal de apelación en Londres vén de dar a razón a Ainsworth. O conflito legal comezou no ano 2004 pero en marzo do ano pasado, Lucas volveu realizar unha demanda por empregarse os moldes orixinais dos traxes e os cascos. O cineasta reclamáballe ao redor duns 11 millóns de euros. En 2005 un tribunal estadounidense prohibiu a Ainsworth vender as súas armaduras en Estados Unidos, mais en Inglaterra a lexislación semella amparar ao deseñador. “Esta sentenza supón un grave quebranto na protección dos dereitos de copyright que prexudica non só a Star Wars, senón que pon en perigo a outros éxitos cinematográficos, desde Harry Potter até Dr. Who”, sinalou un voceiro de Lucasfilm en declaracións ao xornal británico Daily Telegraph.