AS FOGUEIRAS DO SAN MARTIÑO
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Diciembre 3rd, 2010
LUMES DO SÉCULO VI QUE QUENTAN O NOSO PRESENTE
‘As fogueiras do San Martiño’, así titulou don Ramón Otero Pedrayo un dos capítulos do seu ‘Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega’. A imaxe dos arredores do Ourense acendidos nos magostos, traíalle ao señor de Trasalba todo o engado da Alta Idade Media. Un tempo convulso que en Galiza tivo como protagonista principal a Martiño, un bispo que chegou dende Oriente disposto a cristianizar definitivamente estas terras da fin do Mundo
Asúa pegada é inmensa. O seu nome preside popularmente todo este mes, curiosamente días de sombras preñados de ritos antigos. Imos dar pois unha voltiña polo século VI. Non falamos de leccións de historia, senon de remexer nas imaxes evocadoras dun tempo, aparentente esquecido, que latexa con forza no noso presente. En rigor os galegos temos dous Martiños, moitas veces confundidos entre si. Este mes celebramos a festa de Martiño de Tours, santo da parte das Galias. Era soldado romano e por iso se lle representa compartindo cun pobre a súa capa encarnada. Mais o que realmente estivo entre nós foi outro Martiño, probablemente discípulo seu, San Martiño de Dumio, así coñecido polo mosteiro que fundou pola parte de Braga. Era natural de Panonia, na actual Hungría, e estaba formado en Constantinopla, a capital do Imperio Romano de Oriente. O de Dumio reorganizou a igrexa galega e encheu todos os recunchos de parroquias que teñen a Martiño -o de Tours- como santo patrón. Dende o século V existiu na Gallaecia un reino independente. Os suevos costituíron por acó o primeiro reino bárbaro dentro dos limes do imperio. A Gallaecia romana abranguía a actual Galiza, o Norte de Portugal e territorios de Asturias e León. Tras un tempo de loitas os suevos chegaron a un acordo cos galaico-romanos e comezou unha etapa de certa prosperidade. Por presión dos visigodos as clases dirixentes deste reino fixéronse arrianas, unha das herexías do cristianismo. San Gregorio de Tours conta que o fillo de Charrarico, rei de Galiza, curou da lepra pola intercesión de Martiño de Tours. Tras o milagre os suevos convertéronse de novo ao catolicismo e reclamaron reliquias do santo para erguer un templo no seu reino. De seguido, a mediados do século VI, chegou a Galiza o outro Martiño. Abofé que tiña traballo. Ademais da cuestión arriana, continuaban as prácticas priscilianistas e os antigos ritos de adoración á natureza. Unha das súas primeiras medidas foi meterlle o machado a un piñeiro no que a xente cría que vivía un demo. Todo o mundo pensaba que lle ía caer enriba con resultado de morte segura. Mais “milagrosamente” a árbore foi para o outro lado e do demo do arume non se soubo nin pouco nin moito. Por este detalle colleu o alcume de Martiño “do piñeiro”. E por iso o Seminario Maior de Santiago se chama San Martiño Pinario, de “pinus”, “piñeiro” en latín. Martiño escribiu un longo sermón “De correctione rusticorum”. Nel dicía que tiñamos que deixar de adorar aos penedos, as fontes e as encrucilladas. E sobre todo, ¿que era iso de denominar os días da semana cos nomes dos deuses pagáns? “Luns” día da Lúa, “martes día de Marte”, “mércores” de Mercurio… Por iso hoxe en Portugal e nalgúns currunchos de Galiza, en vez de “luns” din “segunda feira”, “terza feira” en lugar de “martes”… Isto é o sistema oficial proposto pola Igrexa que só triunfo, gracias a Martiño, nestas terras extremas de Occidente. A súa figura coa machada na man evócanos directamente o “Irminsul”, a árbore sagrada dos saxóns que tronzou Carlomagno. As historias deste tempo teñen moito aquel. Anos de conflicto entre a igrexa católica e as antigas crenzas. Grandes sabios que chegaban dende o Oriente civilizado tentando cristianizar estas terras neboentas. Martiño, bispo evanxelizador na fin do mundo, ten o seu contrapunto ideal no Merddin das lendas galesas, símbolo dos derradeiros representantes da antiga relixión. No século XII, Geoffrey de Monmout considerou que este nome non era moi propio para denoninar a un sabio —soáballe un chisco escatolóxico— e adaptouno coa forma “Merlín” que hoxe todos coñecemos. A pegada dos dous Martiños confundidos é intensa. Velaí un recorte persoal. Un señor de Pantín —sinto non lembrar o seu nome— díxome que na Guerra Civil non morrera ningún rapaz das parroquias que tiñan a este santo por patrón. Como premio ao grande esforzo do de Dumio, a onomástica do seu mestre —o de Tours— coincide coa festa doméstica da matanza. Aínda que ben mirado, ¿non haberá trampa no conto? ¿Pode existir unha festa máis pagana que as gulas que xeneran entre nós as gloriosas carnes porcinas? Non sei qué pensaría o autor de “De correctione rusticorum” sobre o asunto. Leer el resto de la entrada »
O SALVADOR DE OCCIDENTE
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Diciembre 1st, 2010
En 1401 o noble pontevedrés Paio Gomes de Soutomaior viaxou a Oriente para coñecer ao señor de Samarcanda, cidade principal do Uzbekistán agora tan de moda na CNN. Ademais da aventura en sí, 4.000 kilómetros só na ida, a súa misión puido ter salvado no século XV a un Occidente ameazado polos turcos Leer el resto de la entrada »
MANOLITO DA ORQUESTA X
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 29th, 2010
Non quería ser músico, dáballe medo o escenario. Mais durante vinte anos foi a principal atracción dos grupos nos que cantou. É o verdadeiro patriarca dos vocalistas coruñeses. Ten 83 anos e todos lle seguimos dicindo ‘Manolito’, o da Orquesta X Leer el resto de la entrada »
O SONO PROFUNDO DO KRAKEN
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 27th, 2010
A longa ringleira de monstros mariños tivo, durante séculos, un rei verdadeiro, o kraken, o terrible polbo ou calamar xigante. No medioevo as citas do cronista noruegués Olavo Magno, e do arcebispo Pontoppidan déronlle aval á súa existencia para espanto dos navegantes. Kraken, só a súa palabra asolgaba aos mariñeiros en horrores profundos, monstro abisal só comparable ao Leiviatán, a encarnación mesma, en febra salgada, do demo do mar Leer el resto de la entrada »
AS CALIVERAS DE MELÓN
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 25th, 2010
“Cando eramos nenos, roubabamos os melóns que nacían entre o millo. Faciamoslle a boca, os ollos e o nariz, e metiamoslle unha vela dentro. Colgabamolos enriba duns loureiros e moviamolos pola noite para meterlle medo ás mozas que viñan do baile”, así se divertían hai cicuenta anos os rapaces de Carral no tempo de Santos, segundo nos contou o señor Campelo do Castrillón no programa ‘A tropa da tralla’ de Radio Coruña Leer el resto de la entrada »
A AVENTURA DO MESTRE WENCES
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 23rd, 2010
“A miña familia veu de Ferrol, terra de grandes cantantes. O meu pai tocaba moi ben a guitarra. Un tío meu estivera en Cuba e tiña moito xeito para as pezas do Caribe. Moitos anos despois, xa de velliño, aínda me pedíu que lle conseguíse a letra dunha canción cubana ‘Una declaración de amor” Leer el resto de la entrada »
ARES-TERRANOVA
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 21st, 2010
…o 11 de Agosto do ano 2001. O grupo Luar na Lubre disponse a facer historia. Están a piques de debutar no festival celta de Montreal, a grande cidade de Quebec, a zona francófona do Canadá. O concerto desenrolarase nun campo de ‘baseball’ ateigado de xente. O público agarda anceiante escoitar por primeira vez os sons dunha fisterra de alén mar chamada Galiza Leer el resto de la entrada »
TOMÁS DAS QUINGOSTAS
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 19th, 2010
“O pobre non ten e o rico non dá, quen queira sentar praza veña á Pena de Anamán, sete pesos de entrada e un trabuco na man”. Leer el resto de la entrada »
RADIO GRAN SOL
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 17th, 2010
Nos anos sesenta naceu unha ‘radio enxebre’ a base de talento no Mar de Irlanda; a emisora número un do océano, seguida por toda a frota do Gran Sol Leer el resto de la entrada »
20 ANOS DO ‘XURELO’
Escrito por Xurxo Souto en Historias el Noviembre 15th, 2010
Como unha nova Atlántida submarina, durante moitos anos unha pirámide radiactiva
foi medrando silandeira no fondo do mar, a 350 millas das costas galegas Leer el resto de la entrada »

